Mundo Obrero Estado Español

GALIZA, MOVEMENTO OBREIRO

O 1º de Maio decenas de milleiros saen á rúa en Galiza e anúnciase unha folga xeral

Os sindicatos convocaron a distintas manifestacións nas principais cidades galegas. A esquerda sindical de CXT, CUT e outros sindicatos alternativos gaña influencia e a CIG, principal central sindical galega, anuncia a convocatoria dunha folga xeral para o 19 de Xuño.

Jacobo A. García

Vigo | @Jacobscarface

Jueves 3 de mayo | 18:04

En Vigo, a primeira das manifestacións produciuse ás 11:00 da mañá e agrupou á esquerda sindical cos sindicatos CUT, CXT, STEG e PROSAGAP( sindicato sanitario), entre outros. A manifestación saíu da praza Fernando o Católico ata o Sereo e houbo pouca presenza policial. O sindicalismo alternativo mostrou o seu músculo con ao redor de 2000 persoas, medrando con respecto aos anos anteriores. Os traballadores en loita da Xustiza, con 80 días de folga ás súas costas foron uns dos protagonistas da xornada.

A manifestación de UXT e CCOO seguiu un percorrido similar, aínda que se desenvolveu máis tarde, e chegou a haber enfrontamento verbal entre participantes das dúas marchas, debido entre outras cuestións, ao recente acordo que asinou CCOO e UXT na folga da Xustiza, mentres outros sindicatos seguen participando no conflito, o cal é visto por unha traizón polos traballadores en loita.

Ás 12 realizouse outra manifestación convocada pola CIG (Confederación Intersindical Galega), co lema “Pola recuperación dos dereitos, contra a pobreza e a precariedade e por empregos, salarios e pensións dignas”, que rematou en tamén no Sereo, no centro de Vigo.

Nela participaron preto de 10000 persoas e fíxose o anuncio da convocatoria dunha folga xeral galega para o 19 de Xuño. As reivindicacións son a derrogación da reforma laboral, a loita por unhas pensións dignas, contra a represión ao movemento obreiro e social, e pola igualdade salarial e de xénero. Dende a CIG afirman que desexan que outros sindicatos únanse a esta folga xeral e expándase esta convocatoria ao resto do Estado español, debido á situación de pobreza xeneralizada que se está sufrindo actualmente.

Noutras cidades, como na Coruña tamén se realizaron manifestacións unitarias da esquerda sindical, e en Santiago de Compostela, a manifestación do primeiro de Maio tivo un marcado carácter feminista, co lema “ As vidas non centro”.

Nas páxinas de “Izquierda Diario” escribimos por extenso sobre a necesidade dunha folga xeral no conxunto do Estado, debido á situación de precariedade laboral, baixada de salarios, e recortes públicos que levamos sufrindo durante todos estes anos de crise económica capitalista.

Por iso saudamos a iniciativa da CIG, xa que consideramos que se fai máis que precisa na actualidade. En Galiza, ademais, vívese un proceso de emigración xuvenil e desindustrialización progresiva, que segue mantendo o paro en niveis moi altos. Por outra banda, a precariedade é altísima e a taxa de accidentes mortais laborais moito maior que a media estatal.

Por outra banda, a ofensiva anti-ecolóxica do goberno popular, coa Lei de Depredación entre outros ataques, ameaza por vender a prezo de saldo a terra ás grandes empresas mineiras, enerxéticas e madeireiras, expropiar as terras comunais, e xerar paro e destrución ambiental no curto e medio prazo.

En outubro do ano pasado vimos as catastróficas consecuencias dos incendios forestais, con 4 vítimas mortais e cuantiosos danos materiais, debidas principalmente ao monocultivo do eucalipto e da que son en última instancia responsables os grandes intereses económicos da rexión.

Non é menos certo que os dereitos democráticos víronse seriamente ameazados dende a ofensiva reaccionaria contra Catalunya, con decenas de presos políticos independentistas, criminalización da protesta social coa Lei Mordaza e rapeiros, xornalistas, activistas condenados por loitar. O pobo galego, como nación sen estado non pode calar ante esta situación. Para defender o dereito de autodeterminación e todas as liberdades democráticas, non queda outra que usar os métodos da loita de clases.

Dende a masiva mobilización dos pensionistas, pasando polo enorme movemento do 8 de Marzo, coas mulleres á fronte, así como a folga estudantil do 19 de Abril, ou a folga prolongada dos traballadores de Xustiza, asistimos en Galiza a un escenario onde se abren maiores perspectivas para a loita de clases. Para realizar unha ofensiva contra os ataques do goberno e a patronal, e reverter a actual situación de precariedade e miseria. Pero para que isto sexa posible será precisa a maior da unidade entre a clase traballadora, as mulleres e a mocidade, así como o resto de movementos sociais.

Pero ademais, precisamos dun programa que sexa capaz de achegar solucións ás penurias do pobo traballador. Por iso nós sairemos á rúa este 19 de Xuño, para defender a repartición das horas de traballo, a 6 horas ao día, 5 días á semana, para traballar todos pero traballar menos, a suba do salario e pensión mínima a 1500 euros, o non pago da débeda ilexítima aos bancos, a nacionalización baixo control obreiro dos sectores estratéxicos da produción como a enerxía ou o transporte, a completa igualdade salarial entre homes e mulleres e a socialización dos traballos de coidados, entre outras medidas. En definitiva pola conquista de todas as demandas sociais e democráticas, contra os ataques do goberno e o capital.

Mais tamén temos presentes as loitas doutras partes do mundo, como a dos traballadores e estudantes en Francia contra a nova dereita de Macron, que nos dan forzas para continuar unha loita que podemos vencer. Unha loita, que en último termo, é por un goberno da clase traballadora que sexa capaz de planificar de forma racional a economía e satisfacer todas as necesidades sociais.






Temas relacionados

Mundo Obrero Estado Español   /   Galicia   /   1º de Mayo

Comentarios

DEJAR COMENTARIO