Sociedad

GALIZA, MEDIO AMBIENTE

Masiva manifestación contra a reapertura da mina de cobre de Touro en Santiago

O 10 de Xuño 20.000 persoas encheron a Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela. 134 colectivos, entre eles grupos ecoloxistas e políticos da oposición apoiaron a marcha. Os convocantes afirmaron que unha vertedura accidental produciría unha catástrofe maior que o “Prestige”.

Jacobo A. García

Vigo | @Jacobscarface

Jueves 14 de junio | 18:15

Edición en castellano->http://www.izquierdadiario.es/Masiva-manifestacion-contra-la-reapertura-de-la-mina-de-cobre-de-Touro-en-Santiago?id_rubrique=2653]

A manifestación discorreu dende a Alameda ata a praza do Obradoiro e foi convocada pola “Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non” e a “Plataforma en Defensa dá Ría de Arousa”. Ademais tivo o apoio de numerosos grupos ecoloxistas como “Adega”, ou “Contraminacción” (plataforma que agrupa os conflictos contra as minas máis perxudiciais e contaminantes en Galiza). Dende o BNG, en Marea e o PSOE tamén se apoiou a marcha. Incluso algunhas agrupacións locais do PP próximas á mina opuxéronse á súa realización. Sindicatos e organizacións profesionais relacionadas co sector pesqueiro e do mar tamén apoiaron. O pasado domingo oíuse alto e forte nas rúas de Santiago, " Non á destrución do campo e do mar, non á mina!"

Gran oposición social contra unha mina moi contaminante

Xa o pasado febreiro 2000 persoas manifestáronse nos concellos do Pino e Touro (cunha poboación total de 9.000) contra a realización deste proxecto. A mina leva 30 anos inactiva e fora obxectivo dun ambicioso plan de restauración ambiental. Este plan incluíra a creación de solos artificiais e diversos tratamentos para conseguir a redución da acidez, así como o desenvolvemento de vida vexetal e animal na zona. A grandes liñas esta restauración ambiental foi eficaz, reducindo en certa medida os niveis de contaminación da zona.

Porén, tal e como afirmou a actriz Isabel Risco o pasado domingo na praza do Obradoiro, a mina aínda deixa unha herdanza de “ríos e regatos fortemente contaminados, cursos de auga acedas con metais pesados sen vida que pasan polo Ulla antes de acabar na ría de Arousa”. Refírese ao recente informe de “Augas de Galicia”, dependente da Xunta, onde se apunta que a contaminación das augas aínda supera os límites do consumo humano en moitos puntos. Así, a situación coa reapertura da mina só podería ir a peor.

Cobre San Rafael, a filial promotora da mina, acusou aos colectivos que se opoñen ao proxecto de xerar "unha alarma infundada" a través de "argumentos sen base técnica". Pero as afirmacións dos grupos ecoloxistas e dos veciños non son froito da negación do “progreso”, se non que teñen base científica. De feito, a “ Sociedade Galega de Historia Natural ( SGHN)” reclamou a finais do 2017 que se rexeitase o estudo de impacto ambiental realizado pola empresa e a elaboración dun novo debido ás diversas "deficiencias e contradicións" detectadas. No devandito estudo nin sequera mencionábase que a menos dun quilómetro da explotación mineira hai 20 núcleos de poboación, unha gardería, unha residencia da terceira idade, unha piscina municipal, unha área recreativa, un centro de interpretación do río Ulla e o centro de Protección Civil. Seis voaduras diarias, cada unha entre 9 e 16 toneladas de explosivos poderían provocar " microterremotos".

As explotacións de minerais, neste caso o cobre, a cea abaerto constataron severos problemas ambientais en todo o mundo. No caso galego, existe un problema engadido; as rocas graníticas, a pouca profundidade do chan e a gran erosión provocada pola choiva e a pendente. O noso chans son máis acedos de forma natural que noutros lugares. O mineral de cobre está unido de forma natural a outros elementos como o xofre e o ferro. No proceso de purificación refúgase unha gran cantidade de material, que cando é oxidado en presenza de auga, xera compostos como o ácido sulfúrico. Ademais, favorece a proliferación de bacterias que diminúen aínda máis o pH e acidifican máis as augas.

A “solución” habitual para este problema consiste en xerar grandes balsas de contención destas augas acedas de mina, que requiren de mantemento case constante para evitar que haxa vertidos ou fugas. Estas terían consecuencias funestas, xa que nos cursos de auga matarían toda vida, e deixarían infértiles numerosas terras, así como contaminar as augas de consumo humano. Mais é que isto xa ocorreu en Galicia, en Monteneme, en 2014. Eventos que nos lembran ao desastre de *Áznalcollar en Doñana no 1998. Así, un accidente na mina de Touro tería consecuencias peores que o “Prestige”, ao situarse a poucos quilómetros da Ría de Arousa, e tardaría menos de 12 horas en chegar alí. Trataríanse dunha explotación entre 700 e 2000 hectáreas, con balsas de augas acedas de máis de 10 metros de altura e 100 millóns de toneladas de lodos altamente contaminantes. Ademais, o día a día dos veciños veríase seriamente afectado, con ruído e po contaminante.

Pola zona tamén pasa o Camiño de Santiago francés, o que demostra que as ansias de beneficio das empresas mineiras “Atalaya Mining” e “Explotaciones Gallegas” atrévense mesmo cunha icona turística e cultural como esta. Ademais, as actividades marisqueiras, pesqueiras, agro-gandeiras, así como as industrias de procesamento alimenticio asociadas veríanse seriamente afectadas. A cuestionable creación de postos de traballo, coa dubidosa promesa de 400 empregos, sería un engano, xa que se destruirían moitos máis, afectando a unha das rías máis produtiva de toda Galiza, que emprega a millleiros. Así, as plataformas de afectados esixiron á Xunta que denegue a autorización do proxecto mineiro e que repare todo o dano causado pola anterior explotación.

Aprendendo das vitorias e derrotas pasadas; que programa e estratexia precisamos?

A loita ambiental galega está chea de heroicidades e algunhas vitorias. Dende o comportamento impecable dos voluntarios do “Prestige”, ou nos incendios axudando a salvar casas e vidas, ata a paralización da Lei de Acuicultura Intensiva con decenas de milleiros de traballadores en loita en 2016 ou a paralización da mina de ouro de Corcoesto en 2014. Pero tamén está chea de grandes desafíos, como no caso da papeleira contaminante de ENCE en Pontevedra, con máis de 60 anos en activo, a eucaliptización (e a perda de biodiversidade e incendios asociados), así como a ofensiva extractivista en curso aínda.

Esta política ten o seu máximo expoñente na Lei de Depredación, que dá vía libre a toda clase de proxectos contaminantes, así como á expropiación de terras comunais, e supón un dos maiores ataques á clase traballadora galega en décadas. Un proceso que está a acontecer sen présa pero sen pausa, como a espada de Damocles pendurando sobre as nosas testas. Unha lei, que a nivel galego, ten un calado e unha importancia similar á modificación do artigo 135 da Constitución para o pago da débeda, ou os recortes en Sanidade ou no Ensino. Trátase, nin máis nin menos, que de poñer a disposición do gran capital do sector mineiro e enerxético, a terra e recursos que precisen, sen importar o custo social e ambiental, por uns poucos salarios de miseria.

Contra esta aberración non soamente precisamos manifestacións concretas sobre conflitos locais. Tamén é precisa unha acción xeral que implique á clase traballadora de conxunto, cos métodos da loita de clases, así como un programa adecuado como alternativa. No caso da minería, unha solución afín aos intereses da clase traballadora e o pobo sería a reciclaxe de compoñentes electrónicos, mediante o que se fixo chamar “ minaría urbana”, o que reduciría a necesidade de explotacións no medio natural. Ademais, deberían de reducirse á mínima expresión as minas a ceo aberto, tendo en conta as características físicas, biolóxicas e socioeconómicas do terreo, e realizando en todo caso labores de restauración ambiental adecuadas. Todo isto só pode acontecer baixo a nacionalización ou estatización baixo control dos traballadores dos recursos naturais, e a súa planificación racional, respetuosa co medio ambiente e os traballadores. Algo imposíbel no marco deste sistema capitalista.

Con respecto aos métodos de loita, lamentamos fondamente que a CIG desconvocase a súa propia folga xeral, porque este era outro dos principais motivos para a súa realización. É preciso convencer ao conxunto dos traballadores de que os problemas ambientais tamén lles afectan, e moito. Non soamente ás comunidades rurais ou semirurais actualmente afectadas. Loitar polo recoñecemento de enfermidades profesionais, en sectores onde hai exposición a produtos químicos ou gran concentración de accidentes, é unha demanda básica que os sindicatos deben defender. Nunha terra onde hai 4 veces máis accidente laborais por cada 100.000 habitantes que en Madrid, froito da irresponsabilidade da patronal. Neste sentido a batalla non fixo máis que comezar.






Temas relacionados

Minería a cielo abierto   /   Galicia   /   Minería   /   Contaminación   /   Ecología y medioambiente   /   Sociedad

Comentarios

DEJAR COMENTARIO