Géneros y Sexualidades

GALICIA MANIFESTACIÓN

Manifestación feminista de miles en Vigo

Máis de 10.000 persoas manifestáronse o Domingo 4 de Marzo en Vigo contra as violencias machistas, a brecha salarial, a precariedade laboral e todas as desigualdades que sofren as mulleres. A xornada foi unha preparación da folga internacional de mulleres que se realizará o 8 de Marzo.

Martes 6 de marzo | 19:45

A manifestación comezou no cruzamento de Vía Norte con Urzáiz e pasando por Urzáiz, Policarpo Sanz e o Sireno, onde adoitan rematar as manifestacións en Vigo. Pero nesta ocasión a lectura do manifesto realizouse na Praza do Berbés, preto do porto, onde se instalaron postos de comida e actividades lúdicas para nenas e nenos. A mobilización foi convocada pola Plataforma Feminista Galega e apoiada por multitude de colectivos feministas, así como organizacións políticas e sindicais, dende os grandes sindicatos como a CIG, CCOO ou UXT, pasando por partidos políticos como BNG ou En Marea.

No manifesto final fíxose fincapé nas violencias que deben de sufrir as mulleres cada día, dende o acoso na rúa ou laboral, a desigualdade e precariedade laboral, así como as responsabilidades que se cargan sobre elas, como o traballo doméstico que non remunerado. Falouse da secuela de trata e a prostitución forzosa, da necesaria loita contra a homofobia e a transfobia, e tamén da responsabilidade das potencias imperialistas que condenan á miseria por centos de millóns de mulleres e homes en todo o mundo.

Así mesmo, criticánronse fondamente os ataques recibidos do goberno popular nos últimos anos, dende a reforma frustrada da lei do aborto, así como o recorte no orzamento de xénero, na axuda á dependencia (que recae sobre as coidadoras). Criticouse tamén o “feminismo institucional” que tenta conter e domesticar as demandas do movemento feminista. Defendeuse a necesidade da folga internacional de mulleres para paralo todo, e cambialo todo.

Multitude de cánticos e consignas escoitáronse na concorrida manifestación. Dende “ Patriarcardo e capital, alianza criminal”, “Mulleres contra a guerra, mulleres contra o capital, mulleres contra o machismo e o terrorismo neoliberal” ou “ Non son mortas, son asasinadas”, entre outros. A mobilización rematou cunha actuación da batucada e unha performance.

Esta enorme manifestación non é máis que o comezo para outra gran xornada de loita o 8 M, con manifestacións previstas nas sete cidades galegas, así como paros e concentracións en diversos centros de traballo e de estudo. A manifestación en Vigo realizarase ás 8 da tarde, dende a Praza de Portugal. Unha xornada de loita que se encadra na convocatoria dunha folga feminista internacional de mulleres que vai estar presente en máis de 40 países.

A CIG, CCOO e UXT tan só convocan a paros parciais de 2 horas por quenda en Galicia. Esta posición demostra a intención da burocracia sindical por diminuír a potencialidade da folga, estreitando os seus límites para que sexan máis aceptables polas empresas. Despois da enorme manifestación do Domingo 4 de Marzo, demóstrase que existe moita potencialidade para que unha folga xeral feminista, que chame a asistir a homes solidarios, e que erga os reclamos non só das mulleres traballadoras, se non do conxunto da clase obreira, ten grandes posibilidades de éxito.

A CXT, CUT (Central Unitaria de Traballadores) e CNT convocaron a folga xeral para o 8 de Marzo. Con todo, lamentablemente non haberá unidade de acción con respecto a outros sindicatos, e non se han convocados paros conxuntos pola mañá. Débese de denunciar o feito de que as principais centrais sindicais non convocasen folga xeral, pero debe facerse desde a fronte única con estes sindicatos. Ao mesmo tempo que se lles interpela á unidade de acción en xornadas como estas, é preciso denunciar claramente á súa dirección por limitar un maior desenvolvemento da mobilización.

A folga é laboral, de coidados e de consumo. Así mesmo hai convocada folga estudantil polo SE, Erguer apoia paros e concentracións non mixtas. Dende a Agrupación Estudantil Rosa Luxemburgo e Pan e Rosas Estado español defendemos que se realice folga estudantil, e animamos tanto ás nosas compañeiras e compañeiros a asistir, para incorporar as demandas da mocidade a esta xornada de loita. Por iso o 8 M tamén loitamos por unha universidade de balde e contra todos os ataques ao ensino público.

En definitiva, o domingo en Vigo vivimos unha antesala dunha xornada onde vai tremer a terra, imos paralo todo para cambialo todo. Coa lembranza das mulleres da fábrica téxtil Cotton en Nova York, que marcharon por miles en marzo de 1908 ao berro de “Pan e rosas!“, así como das mulleres, tamén obreiras téxtís, que iniciaron a revolución rusa o 8 de Marzo do 1917, temos a firme disposición de loitar ata o final por acadar todas as nosas demandas, e conseguir un mundo onde sexamos “socialmente iguais, humanamente diferentes e totalmente libres.







Temas relacionados

Vigo   /    #8M   /    Galicia   /    Géneros y Sexualidades   /    Juventud

Comentarios

DEJAR COMENTARIO