Juventud

DESPOIS DO 8M

Folga estudantil en Galiza: este 19 de abril baleiremos as aulas!

A Asemblea Aberta de Mulleres de Compostela, xunto a distintas asembleas e organizacións estudantís en toda Galiza, están a chamar a un paro estudantil para o vindeiro xoves 19 de abril en todo o país. Aos estudantes sóbrannos motivos para ir á folga. Desde a AE Rosa Luxemburgo, apostamos por masificala e poñer en pé un movemento estudantil combativo e asembleario, en loita contra o reaccionario e machista Réxime do 78.

Martes 10 de abril | 19:00

En castellano

Ofensiva contra o ensino público

O ensino público vive hoxe unha auténtica situación límite. Como denunciamos anteriormente desde as páxinas de Izquierda Diario, “Se algo caracterizou ao goberno do PP, así como aos anteriores, é a ofensiva contra a escola pública, atacada desde todas as frontes, o que deixou un panorama desolador. Aumento da relación de alumnos por profesor nos nosos centros, ausencia de medios materiais, recortes en bolsas e endurecemento dos seus requisitos, suba de matrículas e taxas universitarias, o 3+2… e, por suposto, a LOMCE, a chamada lei- Wert, que expón unha volta á escola franquista.

En Galiza, o goberno de Feijóo presume de non ter subido as taxas universitarias nos últimos anos. Mais iso non significa que sexa doado para os fillos de familias traballadoras facer fronte aos pagos. Galiza tivo unha inflación desde a crise económica por riba da media española de 11,2 %, e sendo a cuarta comunidade cunha maior taxa, é a terceira comunidade cos salarios máis baixos. A enorme desigualdade e precariedade laboral, con máis dun 30 % dos traballadores recibindo 1000 euros ao mes, afecta sobre todo á mocidade e especialmente ás mulleres. Son moitos estudantes os que teñen que traballar para pagarse os estudos. E mentres son sometidos á explotación laboral, tamén son excluídos da Universidade.

As perspectivas indican que esta vai ser a tendencia. Segundo cifras do propio goberno, prevese un investimento do 3,8% do PIB en 2018, do 3,7% en 2019 e do 3,6% en 2020. É dicir, un orzamento cada vez máis exiguo, cando a media europea é do 4,9%.”

Dereitos democráticos baixo asedio

Mais non só no terreo educativo sucedéronse os ataques á mocidade. Mentres se nos condena a un futuro sen perspectivas, cunha taxa de paro xuvenil de máis do 40% e un mercado laboral totalmente precarizado que nos asegura temporalidade e salarios de miseria, téntase cernar cada día máis os dereitos e liberdades democráticas.

A lista é cada día máis longa. Sindicalistas, rapeiros que denuncian a corrupción do sistema como La Insurgencia, Hassel ou Valtonyc, twitteiros críticos, libros e revistas contestatarios, obras de arte... E por suposto a cuestión catalá, onde cada día agudízase máis a criminalización contra os Comités en Defensa da República ( CDR) e os movementos sociais, á vez que se encarcera aos principais dirixentes independentistas. Celeridade xudicial contra a mocidade e políticos disidentes á vez que Urdangarín ou Intre están na rúa, o nome de M. Rajoy segue sendo un enigma para xuíces e fiscais, e Cifuentes búrlase de nós insistindo na súa inocencia, cun “máster” de veracidade máis que cuestionable. Á vez que o PP trata de adoutrinarnos criminaliza calquera tipo de disidencia que alce a voz contra o Réxime do 78.

A mocidade en primeira liña de loita

O pasado 8 M, decenas de milleiros de mozas e mozos en todo o Estado saímos á rúa co movemento feminista para loitar contra o machismo e o patriarcado. Estivemos en primeira fila denunciando o racismo institucional en Catalunya. Participamos e seguimos participando xunto aos nosos avós na loita por unhas pensións dignas. Saímos ás rúas, como aconteceu ata agora en todas as grandes mobilizacións que cuestionaron esta democracia para ricos e patriarcal, como o 15 M en 2011 ou o movemento democrático catalán. En Catalunya, a mocidade foi parte activa defendendo os colexios electorais do 1-O ou participando nas folgas xerais do 3-O ou o 8 N. Agora tamén se atopa á cabeza do movemento en defensa dos dereitos democráticos, con manifestacións e cortes de estrada por toda Catalunya, participando nos CDR.

A 50 anos do Maio francés do 68 seguimos a pensar que a mocidade, xunto coas mulleres e a clase traballadora, temos que xogar un rol de vangarda na loita pola transformación social. Quérennos submisos, apáticos e desorganizados, mais imos demostrar que ningunha mordaza vainos manter calados.

O noso programa

Este 19 de abril, os estudantes galegos volveremos ás rúas para loitar polo ensino público e o fin dos ataques á mocidade e as mulleres. Sairemos a denunciar ao Réxime do 78 que nos quere condenar a ser a xeración perdida. A non poder nin estudar nin traballar, polas taxas de escándalo, o desmantelamento do ensino público, así como o paro e a precariedade á que nos abocan ao rematar os estudos. Carne de canón lista para ser explotada a medida das necesidades do gran capital. Por se non fose dabondo, agora quérennos así ata os 70 anos ou máis, mentres aos nosos maiores estanlles a tentar impoñer unhas pensións de miseria.

Por iso, cremos que non só se trata de esixir a reversión dos recortes educativos ou unha paridade formal entre homes e mulleres nos órganos da caste universitaria. Queremos mudar o ensino de raíz. Facéndonos eco daquela proclama revolucionaria da mocidade do Maio francés, queremos pasar “da crítica da universidade de clase, ao cuestionamento da sociedade de clases”. Queremos ser, en definitiva, un ariete contra esa alianza criminal conformada polo patriarcado e o capital.

Esta é unha loita de todo o sistema educativo, reprodutor das ideas patriarcais e capitalistas, e lexitimador da opresión. Por iso reclamamos a suba das bolsas para estudantes con rendas baixas e a gratuidade da Universidade, pero tamén unha universidade radicalmente democrática, onde haxa elección directa por sufraxio universal de todas as autoridades e maioría estudantil nos órganos de goberno, a participación de traballadores non docentes e a revogabilidade dos cargos. Ademais, para acabar co machismo e a LGTBIfobia consideramos imprescindible novos programas de estudo, que desde unha óptica antirracista e antisexista, reivindiquen o papel das oprimidas e esquecidas na historia. Así como reclamar o noso dereito para estudar e vivir en galego e rexeitar de cheo a ofensiva recentralizadora do Estado español.

Queremos cuestionar á caste universitaria patriarcal unida por un e mil lazos ás empresas que están privatizando a universidade e erguer comisións independentes de mulleres e LGTBI nas facultades nas facultades e rematar cunha universidade-empresa que deixa a milleiros de estudantes fora e estende a precariedade no profesorado e traballadoras dos servizos, a maioría mulleres en condicións laborais miserables.

Construamos un gran paro estudantil!

Esta loita é contra o patriarcado e o capitalismo, aliados criminais contra as mulleres, a mocidade e a clase traballadora. Isto quere dicir que debe apuntar non só ao goberno do PP e o seu escudeiro Cs, senón ao conxunto do Réxime do 78 e a Coroa. A mocidade temos que dicir basta á persecución da liberdade de expresión e sumarnos á esixencia de desprocesamento e liberdade de todos os presos políticos. Temos que ser parte activa e solidaria co movemento democrático catalán, contra o 155 e polo dereito para decidir. Acabar co réxime herdeiro da Ditadura, a Monarquía e a democracia do IBEX35 debe ser parte central da nosa “axenda”.

Por iso, desde a Agrupación Estudantil Rosa Luxemburgo, xunto ás nosas compañeiras de Pan e Rosas no resto do estado", traballamos por impulsar e masificar asembleas en cada Universidade e centro de estudo, para achegar á construción dun movemento estudantil combativo que faga deste 19 de Abril o comezo dun gran movemento da mocidade. Con esta idea precisamente, defendendo a necesidade de organizarnos conscientemente para mudar o mundo de base, confluiremos este 12 de maio xunto con compañeiros/ as do resto do Estado, cos que queremos avanzar en unificar as experiencias das nosas agrupacións sobre a base dun acordo programático e estratéxico, que contribúa a sentar as bases para poñer en pé unha gran mocidade anticapitalista e revolucionaria.

A 50 anos do maio francés -esa gran onda revolucionaria que sacudiu ao mundo-, queremos retomar as mellores tradicións de loita e auto-organización do movemento estudantil e de mulleres para loitar xunto á clase traballadora e poñer en xaque a este sistema.

En Galiza, este 19 de Abril, construamos unha gran folga estudantil!
Baleiremos as aulas, enchamos as rúas!
Contra a LOMCE e o 3+2! Non máis ataques á educación pública!
Asembleas masivas e democráticas en todas as facultades e institutos!
Basta de represión! Defendamos os nosos dereitos democráticos!
Patriarcado e capital, alianza criminal! Se nos tocan a unha, organicémonos milleiros!






Temas relacionados

Huelga Estudiantil   /   Juventud    /   Galicia   /   Estudiantes   /   Movimiento estudiantil   /   Juventud

Comentarios

DEJAR COMENTARIO