GALIZA, MOVEMENTO OBREIRO

Entre a paz social e o sectarismo: CCOO e o sindicalismo alternativo non apoian a folga xeral do 19 de Xuño en Galiza

Aínda que por diferentes motivos, nin a burocracia de CCOO, nin a esquerda sindical da CUT e a CXT entre outros, apoian a convocatoria de folga xeral galega convocada pola CIG (Confederación Intersindical Galega) para o 19 de Xuño. Loitamos contra estas posicións pola unidade das filas na clase traballadora.

Jacobo A. García

Vigo | @Jacobscarface

Viernes 1ro de junio | 17:46

En castellano

A falta de apoio de CCOO, un feito esperábel

O 22 de Maio CCOO Galicia realizou un congreso en Santiago de Compostela onde mil delegados reuníronse co obxectivo de discutir sobre como “disputar con forza e unidade a mellora dos salarios e da calidade do emprego». Ese mesmo día, Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO en Galicia, realizaba unha entrevista na “Voz de Galicia”, onde manifestou o rexeitamento á folga xeral e mostrou unha vez máis, a política anti-obreira e burocrática deste sindicato.

O secretario xeral de CCOO defendeu a necesidade da “unidade sindical”, criticou a “ atomización de convenios” e defendeu a súa unificación. Unha proposta que puidese ser progresiva, se a intención deste sindicato fose a de dar unha gran batalla para a suba dos salarios de toda a clase traballadora e unificar as súas loitas. Algo que é evidente que non é así. A continuación Sarmiento argumentaba sobre os motivos de non apoiar a folga xeral que “o proceso de mobilización que necesita este país ten que facerse cun amplo consenso, non só sindical” ou que “no ámbito autonómico non nos encaixa”.

Por outra banda, expuxo a subida salarial con respecto ao IPC (Índice de Prezos de Consumo), de xeito evidente insuficiente se non se recupera todo o poder adquisitivo perdido durante a crise, mediante un plan de “mobilización” que evite todo conflito serio e chegue a acordos coa patronal. Así, o secretario xeral de CCOO Galicia ten o valor de afirmar cousas como esta: “Os intereses de Galicia teñen que quedar á marxe da confrontación sindical e, por suposto, da confrontación política”. Tamén parece que para comisións, “Necesitamos unha patronal forte… Fai falta unha competencia leal entre empresas».

Esta visión onde os intereses dos capitalistas e os traballadores pódense conciliar sen conflito, porque “os empresarios poden manter as seus beneficios” subindo os salarios en épocas de crecemento económica é falsa. Ademais, sabemos ben que enmascara unha complicidade manifesta da burocracia sindical traidora, que asinou as dúas reformas laborais, e leva 6 anos sen convocar unha folga xeral. Burocracia que constitúe un dos alicerces que sostiveron o recorte de dereitos sociais e liberdades, así como a perda de boa parte do salario da clase traballadora.

O sectarismo e a falta de visión do sindicalismo alternativo galego

Por outra banda, o 24 de maio, gran parte do sindicalismo alternativo galego emitiu un comunicado conxunto rexeitando participar da convocatoria de folga xeral. Este comunicado foi asinado pola CXT, CUT (Central Unitaria de Traballadores), STEGA, Sindicato Ferroviario, Sindicato de elevación e SAGAP (Sanitarios Galegos Públicos). Os seus motivos, pobres e cunha mensaxe claramente derrotista ao conxunto da clase traballadora galega, e do conxunto do Estado español.

En primeiro lugar, afirman que están de acordo na necesidade dunha folga xeral, para despois dicir que a convocatoria da CIG non pode ser definida como tal, se non como unha simple “mobilización”, porque se convocou en solitario, e por tanto sería un “instrumento dunhas siglas”. Podemos estar máis ou menos dacordo coa consideración de que esta convocatoria de folga é burocrática, xa que non se decidiu en asembleas por centro de traballo, nin se acordou con outros sindicatos. Pero consideramos que nunca se debe boicotear unha folga xeral.

Por outra banda, expoñen que “as condicións subxectivas [...] requiren o esforzo pedagóxico que dificilmente poden darse convocando durante o 1 de maio para o 19 de Xuño”. Parece entón que 49 días non son dabondo para convencer á clase traballadora galega de que secunde o paro para mellorar as súas condicións laborais e de vida. De feito, para eles esta folga é “ antisindical” por estar “mal convocada”.

Unha visión que contrasta coa máis evidente realidade. O paro do 8 de Marzo levou por centos de miles de mulleres (e homes solidarios) ás rúas, e iso que só a CXT apoiara unha folga real de 24 horas. Entón, todo o resto do sindicalismo preferira chamar a un paro de dúas horas, porque non existían as “condicións subxectivas”. Tamén se contaron por decenas de miles os pensionistas que saíron á rúa, mesmo cunha división sindical evidente imposta polas direccións sindicais que non foron capaces de facer mobilizacións conxuntas. A folga na Xustiza deu tres meses de loita, e aínda non rematou o conflito; e existen centos de conflitos en toda Galicia actualmente. A clase obreira si que está disposta a loitar.

Finalmente rexeitan participar na convocatoria, aínda que din que tampouco traballarán “na súa contra”. Afirman que o camiño é a unión das loitas e a loita contra o capitalismo e patriarcado, contra os “réditos particulares”. Non podemos ver máis que confusión nestas palabras. A maior expresión da “unión das loitas” é a folga xeral, e a súa expresión prolongada e máis radical, a folga xeral política indefinida, ata a caída do goberno. Non estamos aínda nesta situación, pero parecese que o sindicalismo alternativo está máis cómodo coa verborrea combativa que con enfrontarse á realidade e ás circunstancias concretas, para preparar á clase traballadora para as grandes batallas que están por vir.

A súa argumentación non resiste a menor análise. É unha vergoña que aqueles que pretenden loitar contra a burocracia sindical de CCOO e UXT, acaben por ser partícipes dun boicot á primeira folga xeral en Galicia desde hai 6 anos. É un exemplo claro de profecía auto-cumprida. Tanto CCOO, como a esquerda sindical asumen que a convocatoria será un fracaso, e non “poderá parar o país”, porque non contará co apoio do resto de sindicatos excepto da CIG, e por iso non poderá parar os sectores estratéxicos da produción. Pero son estes mesmos sindicatos os que se negan a traballar por ela, demostrando unha mediocridade sen precedentes.

É necesaria a solidariedade estudantil e de todos os sectores oprimidos

Nós si que cremos que as condicións obxectivas e subxectivas son dabondo para unha folga xeral en Galicia. A baixa do poder adquisitivo dos traballadores durante a crise, as altas cotas de paro e emigración, sobre todo nas mulleres e a mocidade, a precariedade laboral que leva 4 veces máis vidas que en comunidades como Madrid, as dúas reformas laborais, a lei Mordaza, ou a Lei de Depredación de Galiza, que destrúen o noso medio natural e o desenvolvemento económico, etc. Sobran motivos. Tamén temos claro que a clase traballadora ha mostrado a súa firme vontade de loita. Mesmo coas centos de traizóns da burocracia sindical, a pasividade dos principais partidos políticos de esquerda, e a atomización e precariedade laboral que fai máis difícil a súa organización.

Consideramos que esta convocatoria debese ser apoiada polo resto de sindicatos e expandirse a nivel estatal. Unha situación que sería desexable, e que daría á clase traballadora e o conxunto dos sectores oprimidos do Estado unha oportunidade para mostrar forza e alcanzar as súas demandas. Somos conscientes de que houbo unha falta de vontade negociadora por parte da CIG, que fóra de que manifestase publicamente o desexo de que se producise esta extensión, non fixo todo o que tiña na súa man para que fose así. Pero o certo é que a CIG convocou a unha folga xeral e a burocracia de CCOO, así como o sindicalismo alternativo están a boicoteala.

É máis, pensamos que temos a obrigación de traballar pola expansión da folga xeral aos estudantes e a mocidade no seu conxunto. Desde a Agrupación Contracorrente Galiza, recentemente formada despois da unión con outras organizacións do resto do Estado español, non desaproveitaremos a nosa primeira gran batalla. Aínda que consideramos que a convocatoria non é plenamente democrática, ao non contar co acordo previo doutras organizacións sindicais ou sociais, si que a consideramos un acerto, así como un instrumento válido para preparar á clase traballadora para as duras batallas polos seus dereitos e liberdades. Desde as páxinas de “Izquierda Diario” levamos moito tempo defendendo a necesidade dunha folga xeral en todo o Estado, así que non podemos facer outra cousa que non sexa apoiar esta convocatoria.

Obreiros e estudantes, unidos e adiante!

Contra o patriarcado e o capital, folga xeral!






Temas relacionados

CIG Galiza   /   CUT Galiza   /   Galicia   /   CCOO

Comentarios

DEJAR COMENTARIO