Mundo Obrero Estado Español

GALIZA

A CIG desconvoca a folga xeral do 19X, un xiro desmovilizador e supeditado ao PSOE

A CIG (Confederación Intersindical Galega) suspende a súa propia convocatoria de folga xeral en Galicia ante a caída do goberno do PP debido á moción de censura triunfante de Pedro Sánchez.

Jacobo A. García

Vigo | @Jacobscarface

Martes 5 de junio | 19:10

Tras ter realizado unha importante campaña para levar adiante esta folga xeral aínda sen o apoio do resto de sindicatos, agora desmobiliza pondo esperanzas no novo goberno do PSOE, comprometido a manter os anteriores orzamentos axustadores do Partido Popular.

Perdemos unha oportunidade, as cúpulas sindicais dirixiron o fracaso

Nunha rolda de prensa que se celebrou este martes pola mañá, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, anunciou a suspensión da convocatoria, substituíndoa por unha simple mobilización en todas as comarcas galegas ás 20 horas. Carril afirmou que se desconvoca a folga “uns meses”, agardando que o novo goberno “elabore un calendario” para derrogar todas as reformas laborais e anti-obreiras, así como para cumprir as reivindicacións fundamentais polas que chamaron ao paro. O curioso é que o propio Carril sostén que o PSOE é “culpable e responsable” da actual situación da clase traballadora e o pobo galego.

Carril di que houbo un cambio na “correlación de forzas” e que se abre unha oportunidade para negociar co novo goberno as demandas sociais que se esixen. Sinceramente cremos que estas afirmacións subestiman a intelixencia da base social de afiliados da CIG, así como do conxunto da clase traballadora galega. Non houbo ningún cambio de “correlación de forzas” favorable para a clase traballadora. Mesmo defendendo a idea, que non compartimos, de que un goberno de maioría de “esquerdas” podería impulsar reformas progresivas, a situación actual dista moito de tal contexto.

O PSOE é o partido do IBEX35. Obtivo o goberno comprometéndose a aprobar os orzamentos axustadores do PP para obter o apoio do PNV na moción de censura. Unha forza, lembremos, que historicamente impuxo fortes recortes sociais e pactou con gobernos de dereita para defender os intereses dun sector concreto de capitalistas no Estado español. Polo que pouco ou nada poderá cambiar en asuntos de materia económica co goberno de Sánchez.

Parece mentira que debamos lembrar ás cúpulas dirixentes da CIG que se trata do mesmo PSOE que dirixiu o desmantelamento do sector do metal en Galicia nos oitenta, o dos GAL, o que cambiou o artigo 135 da Constitución para priorizar o pago da débeda ao dos servizos públicos, o que realizou a primeira reforma laboral da crise no 2010, o que apoiou o 155 e a brutal represión ao movemento democrático catalán. Ese, e non outro, é o que encabeza un goberno. Un goberno que, ademais, é por natureza débil e sen verdadeira posibilidade de manobra, mesmo se así o desexase, debido á complexa aritmética parlamentaria.

É tamén incomprensíbel que non se faga referencia nesta rolda de prensa ao feito de que en Galiza seguimos a ter un goberno do PP con maioría absoluta, tendo sido a convocatoria só presente en Galiza. ¿É necesario lembrar que o goberno de Feijóo realizou duros ataques contra a clase traballadora galega nestes anos: dende a aplicación sistemática das leis axustadoras do goberno central, pasando pola Lei de Depredación de Galiza (que está a implicar proxectos contaminantes e expropiación de terras comunais), o recorte en transporte por estrada, ou o brutal recorte sanitario, entre moitos outros?

Así, para Paulo Carril, existe a posibilidade de que este novo goberno estatal poida “derrogar as reformas laborais, a consecución de avances para as mulleres, a defensa das pensións públicas, acabar cos abusos da patronal, os ataques contra as liberdades, a privatización dos servizos, ou a consecución de empregos e salarios públicos”. É máis, segundo el é posible que isto ocorra sen que medie a loita de clases, nin sequera unha folga xeral como “medida de presión”, que mesmo dende unha perspectiva meramente reformista podería servir como instrumento para negociar co goberno en mellores condicións.

Finalmente, Carril afirmou que “de non levarse a cabo ese cambio” volverá fixar unha data para a folga xeral “nuns meses”. ¿Mais que credibilidade pode ter para a clase traballadora unha dirección sindical que convoca e desconvoca unha folga xeral en pouco máis dun mes? ¿Que nos pode facer pensar que, no caso de que se convoque de novo, non se suspenderá outra vez debido á convocatoria de eleccións, ou á realización dunha mesa de negociación, ou a calquera outro evento da “pequena política” á que estamos afeitos?

O secretario xeral da CIG tomouse a licenza de criticar ao resto de organizacións sindicais por non apoiar a convocatoria, deixando caer que esta (aínda que agora suspendida) achegou unha presión necesaria para a caída do goberno (sic) e que a moción de censura “confirmou as análises da nosa organización”. Literalmente dixo: “temos a satisfacción de poder afirmar que, coa nosa loita, contribuímos a que o PP caese mentres outros sindicatos estiveron calados, desmobilizados e pasivos, cando non sendo colaboradores".

Somos moi críticos tanto coa burocracia sindical de CCOO e UXT, como co sindicalismo alternativo, que non apoiaron a folga, mais a responsabilidade da CIG agora é aínda maior, ao desconvocar a súa propia folga xeral e axudar á desmobilización.

A loita continúa: pelexemos por un sindicalismo distinto e por unha perspectiva anticapitalista

Temos a firme convicción de que son miles os afiliados e colaboradores da CIG, así como do sindicalismo alternativo na CXT ou a CUT, entre outros, mesmo en CCOO ou UXT, que comparten a nosa frustración e rabia polo resultado desta folga xeral que puido ser… e non foi. Nós non defendemos a folga xeral como un fetichismo esquerdista para calquera circunstancia, para calquera situación. Pero como vimos escribindo noutros artigos, consideramos que o contexto social e político en Galiza, así como no resto do Estado español, permitía a convocatoria dunha exitosa folga xeral.

Existían as condicións obxectivas para ir a unha folga exitosa, debido aos fondos ataques que supoñen unha perda enorme dos salarios e unha suba da precariedade, a redución dos dereitos democráticos como a liberdade de expresión, a negación do dereito de autodeterminación de todo un pobo co catalán, así como dos dereitos lingüísticos na nosa terra, sen esquecer o ataque ao medio ambiente que poden destruír milleiros de postos de traballo e as nosas posibilidades de desenvolvemento futuras. Mais é que tamén comezan a xestarse as condicións subxectivas: a férrea vontade de loita das mulleres e todos os sectores oprimidos mostrouse o 8 M, na loita dos pensionistas e en centos de conflitos en todo o territorio.

Isto non nos fai perder de vista, con todo, que vimos de catro anos de pasivización social e contención da loita de clases. Un proceso no que existe unha evidente responsabilidade das direccións sindicais e as direccións políticas da esquerda institucional que, no canto de facer fincapé na mobilización social para alcanzar todas as demandas sociais pendentes, fano en alcanzar o goberno custe o que custe, traizoando unha e outra vez as expectativas dos sectores populares. Parecese que non existe alternativa a este xeito de actuar. Pero nós, humildemente, expomos unha.

Neste marco, o que abunda entre as direccións sindicais é, ou ben a colaboración coa patronal e os gobernos anti-obreiros, ou ben un sectarismo intragable que impide unha verdadeira unidade da clase traballadora, ao negarse a realizar accións conxuntas, mesmo nos momentos máis decisivos. Vímolo no 8 de marzo, onde por exemplo en Vigo vimos 4 concentracións distintas á mesma hora, vímolo na loita pola suba das pensións, con polo menos tres convocatorias diferenciadas, e vímolo desgraciadamente na folga xeral, que foi boicoteada por todos, ata polos seus impulsores.

Nós, con todo, dende a CRT e a Agrupación xuvenil Contracorrente Galiza, non nos resignamos. Queremos organizar a novos estudantes e traballadores que teñan a vontade de mudar esta situación. Que queiran loitar dentro e fóra das organizacións sindicais para que se impoña unha política de fronte única obreiro na loita de clases. Unha política que se sintetiza naquel famoso apotegma de Lenin, “loitar xuntos, marchar separados”, co obxectivo de que a maioría da clase traballadora fágase consciente non só das súas forzas senón tamén dos límites das súas propias direccións, á calor das grandes batallas que a nosa clase precisa, tanto en Galiza como no resto do Estado.

Por iso, xunto os nosos compañeiros e compañeiras de Catalunya, Burgos, Zaragoza e Madrid loitamos por poñer en pé unha mocidade anticapitalista, feminista e revolucionaria, en alianza co resto de sectores oprimidos, as mulleres e o conxunto da clase traballadora. Unha loita que compartimos con máis agrupacións a nivel internacional, tanto en Europa como en América Latina.
Non pensamos que haxa que loitar soamente para “recuperar o perdido” durante a crise. Está claro que debemos reverter todos os ataques e contra-reformas realizadas neste período. Mais tamén existía pobreza antes da crise, e non podemos consentir que nun mundo onde hai unha enorme abundancia material, haxa xente que non teña as súas necesidades básicas cubertas. Por iso coidamos que debemos de pasar á ofensiva e facer que sexan os capitalistas os que paguen a crise. Na perspectiva dun goberno dos traballadores, onde se decidan democraticamente todas as cuestións económicas e sociais, e onde non caiba ningún tipo de explotación ou opresión.






Temas relacionados

CIG Galiza   /   Mundo Obrero Estado Español   /   Galicia   /   Huelga General   /   Huelga   /   PSOE

Comentarios

DEJAR COMENTARIO